
Sobre os anos 80 nace o que se considera a semente desta asociación como actividade extraescolar no Colexio de Magaláns. Durante estes primeiros anos, a actividade desta agrupación limítase ás clases de Baile Tradicional e as actuacións nas Festas da propia parroquia.
A Asociación Cultural Artística de Dorrón fúndase como tal o 7 de xaneiro de 1991, cando xa levaba un gran percorrido da súa historia. Siguen actuando nas festas parroquiais e empezan a participar en multitude de festivais folclóricos da nosa provincia.
A agrupación foi medrando ata ter arredor de 50 compoñentes. Incluso logra facerse cun grupo de gaitas durante uns anos que finalmente non se consolida. No ano 2006 acúñase o nome artístico “Soalleira” de Dorrón. Nese momento a agrupación contaba con 25 compoñentes.
Cando a Asociación se da a coñecer como “Soalleira” encárgase de levar a escola de baile Mari Agís Otero e plantéxanse novos retos entre os que destacan a creación de sendos grupos de gaita e pandeireta, así como a organización das Xornadas Culturais Folclóricas. O grupo de pandeiretas comezou a formarse baixo a dirección de Isa e Nacho (2008), intentouse tamén formar un grupo de gaitas sen éxito.
Nas xornadas culturais preténdese divulgar a nosa cultura tradicional dando cabida nela unha serie de exposicións tratando diferentes temas como: “Os xoguetes esquecidos (2007, 2008 e 2009)», «O proceso do viño (2010)”, «A máxica transformación da augardente (2011)”, «O oficio das costureiras (2012)”, etc.


Así mesmo, no seo destas xornadas lévanse a cabo xogos tradicionais e un Festival Folclórico que congrega, ano tras ano, diferentes grupos folclóricos.
No ano 2011 colle a dirección dos grupos de baile Pedro Brañas Vázquez que é o que monta os bailes de recollida que forman parte do repertorio desta agrupación dende ese ano. Tamén se fai cargo das agrupacións de pandeireta que permiten ao grupo, por fin, ser independente para levar a cabo as súas actuacións. Pronto estes grupos de pandereteiras comezarán a recoller éxitos nos diferentes concursos de música tradicional celebrados na nosa Comunidade. No 2012 o grupo contaba xa con arredor de 40 compoñentes, pouco a pouco ía medrando. Tamén se organizan festas temáticas como o magosto, o serán, o Concurso de Música Tradicional Soalleira, a muiñada, as danzas de reis…
Participamos nalgúns programas da TVG como: “Onde vai a xente” (2012), “Luar” (2016, 2018 e 2021), “Aquí Galicia” (2016) e “Quen anda aí” (2021) da TVG así como en “De festa en festa” (2017) do Canal Rías Baixas e no programa de radio ”Hoy por hoy” da Cadena Ser (2017).
Cabe destacar os máis de 24 premios polos grupos de pandereteiras nos últimos 12 anos nos Concursos de Música Tradicional Xiradela, Concurso de Canto e Percusión Tradicional Traspés, Concursos de Música Tradicional Xacarandaina e Concurso de Música Tradicional AC Retranqueiros de Ames. Actualmente, participan nestes certames os seguintes grupos da asociación: Areíñas, Xabreiro, Soalleira e Arghadelos.
Así mesmo recibiron un Premio ao Labor Cultural concedido polo Seminario de Estudos Locais de Sanxenxo.


Na actualidade, a Asociación consta de máis de 60 compoñentes dende os 3 anos en diante e con escola de baile, pandeireta, gaita e percusión. Ademais, realizan outras actividades como costuras ou labores (bolillos, bordado…)
María Vidal Solla dirixe dende o ano 2020 todos os grupos de pandereteiras da Asociación.
A escola de gaita, percusión e baile tradicional está dirixida por Álvaro Rodríguez Carballo. Do grupo de baile das máis pequenas e Mari Agís a encargada de ensinarlles.
Hai así, os grupos de pandeireta: Soalleira, Arghadelos, Xabreiro, Areíñas e o de iniciación dos máis pequenos e os de baile, quedan divididos en 4 grupos, baseandose principalmente nas idades distinguindo: grupo A, grupo B, grupo C e grupo D.